jueves, 10 de septiembre de 2009
Uxío Novoneyra
Este curso oiremos falar moito deste autor ao que se lle dedica merecidamente o día das Letras Galegas.Por iso a primeira recomendación deste blog é a lectura da súa poesía.Uxío Novoneyra naceu en 1930 en Parada, nunha aldea do Caurel. O seu libro Os eidos, 1955, inicia un ciclo poético no que a súa terra natal, a natureza, as cousas da casa, os traballos do campo, os animais, son protagonistas. O home é un pequeno gran de area..
"Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o poco que é un home..."
Parece que ás veces compoñía cantando (era un gran rapsoda). Fixádevos como meten medo os Oos:
Cousos do lobo!
Caborcos do xabarín!
Eidos solos
onde ninguén foi nin ha dir!
O lobo! Os ollos o lombo do lobo!
Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxido na folla dos carreiros
en busca da vagoada máis sola e máis medosa...
Rastrexa
párase e venta
finca a pouta ergue a testa e oula cara o ceo
con toda a sombra da noite na boca.
Os soños negros i os xeitos broucos da noite
nun envoltoiro polos carreiros do monte.
Precioso,va que si? Pero Uxío tamén ten poesía amorosa en Muller pra lonxe, ou en Do Courel a Compostela (1956-86) :
Cántoche aposta pra ter os teus favores deusa
gran cousa é abondar o teu seo a vrao vido
namais chegarlle terte a ti soa por beira
xa señas nova e noiva de en por hoxe
xa señas diaria mña sola sempre
E non hai que esquecer a súa poesía cívica , a defensa da lingua e de Galicia, unha das razóns que pesou na súa escolla pola Real Academia Galega neste tempo tan difícil para o galego.
É xa hora de que señas toda patria dos teus
dos que gardaron a fala en que máis se dixo adeus
e señas dona de ti e señora de falar
señora de decidir e dona de se negar.
Que vos guste ! E feliz ano Novoeyra a tod@s.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario