Estas dúas novelas están entre os libros máis vendidos en galego, sinal de que as historias de detectives en procura do asasino gustan moito cando están ben feitas e manteñen o interese ata o final.
Protagonizadas polo inspector Leo Caldas e o seu axudante Rafael Estévez, sitúan a acción en Vigo (illa de Toralla, Peiraos do Berbés , Canido...) o que está axudando a crear un pequeno turismo literario na cidade.
O certo é que dá gusto ler topónimos en galego, que o asasinado sexa de Bueu e teña un antropónimo tan galego como Lois Reigosa, que aparezan personaxes da burguesía viguesa (que a hai) e que atopemos referencias familiares para nós como mencións á extinción do salmón nos ríos galegos , escritores como Blanco Amor e Cunqueiro ou aos medios de comunicación como Onda Vigo.
Tamén hai que destacar unha chiscadela casual (?). O inspector galego é intelixente mentres que o seu axudante é moi primario. A relación entre ambos profundiza en A praia dos afogados, que continúa desenvolvendo a acción na Ria de Vigo en ambiente mariñeiro. Vexamos como é descrito en Ollos de auga o axudante:
"Rafael Estévez recalara en Galicia poucos meses atrás. O seu traslado debíase, segundo de murmuraba na comisaría, a un castigo imposto por alguén na súa Zaragoza natal. O axente aceptara sen especial desagrado traballar en Vigo, aínda que había varias cousas ás que lle estaba a custar un pouco máis de tempo do previsto acostumarse. Unha era o impredicível do clima, en variación constante, outra a continua pendente polas rúas da cidade, a terceira era a ambigüidade. Na recia cachola aragonesa de Rafael Estévez as cousas eran ou non eran , facíanse ou deixábanse de facer, e supoñíalle un esforzo considerable desenlear as expresións cargadas de vaguidades dos seu novos veciños."
As súas novelas están traducidas a 7 idiomas e xa lle están a chamar " o Stieg Larsson galego"