Agora que xa estamos a piques de celebrar o entroido, podemos ler un destes pequenos libriños para saber algo máis das orixes desta festa que se celebraba en toda Europa desde a Idade Media. Esta festa fixouna no calendario a Igrexa Católica no comezo da Coresma, é dicir, como introducción ao período de abstinencia carnal (alimenticia e sexual) co que se prepara a Paixón, Morte e Resurrección de Xesús. ( carnem levare significa en latín levar, quitar a carne, sexa do tipo que sexa, e deu lugar á palabra carnaval) Ridiculizábase o lado demoníaco do ser humano para logo exaltar a victoria da espiritualidade e do cristianismo. Entroido vén do latín introitus, entrada na coresma .
Pero esta festa incorpora máscaras e tradicións procedentes de rituais precristiáns ancestrais.Os enmascaramentos eran habituais nos ritos do solsticio de inverno , o 24 de decembro,para pedir boas colleitas aos deuses. Aínda saen hoxe máscaras por Aninovo en certas aldeas galegas e doutros puntos de Europa.
Recoméndovos facer o triángulo máxico; Xinxo, Laza e Verín, para poder observar os distintos tipos de máscaras : pantallas, peliqueiros , cigarróns e un sinfín de nomes e tipos que se foron perdendo.Participan persoas de todas as idades, así que o mellor é ir disfrazado e unirse a eles. Pero se non podedes ir a Ourense, temos próximos os Xenerais do Ulla vestidos imitando uniformes militares antigos. Saen por Cacheiras, Pontevea, Lestedo...e van con cabalos engalanados parando nas casas para botarlles un "Viva" aos donos e unha copla satírica. Podía haber enfrentamento verbal (regueifa) entre os Xenerais das distintas parroquias.
Ánimo e a pasalo ben!
No hay comentarios:
Publicar un comentario